Dirección e Xestión Pública prepárase para estrear a súa modalidade virtual

No mes de setembro, o grao en Dirección e Xestión Pública converterase no primeiro do Sistema Universitario de Galicia (SUG) en contar cunha modalidade virtual, para a que se ofertan 20 prazas, que se suman ás 25 do modo presencial. Co propósito de ampliar a formación en materia de docencia virtual do profesorado, esta semana botou a andar un curso obrigatorio para as e os docentes que impartirán as materias de primeiro curso de xeito virtual. De xeito progresivo, a nova modalidade do grao que se imparte na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación ira substituíndo á opción semipresencial, de tal xeito que, como explica a coordinadora do grao, Soraya Rodríguez, no curso 2023-2024 “as únicas modalidades existentes serán a presencial e a virtual”.

Posta en marcha no curso 2014-2015, esta modalidade semipresencial, explica Rodríguez, “foi moi ben acollida por un perfil concreto de alumnado”, formado maioritariamente por persoas maiores de 30 anos, que traballaban ou querían traballar no sector público. Mais tamén, sinala, “detectamos que a oferta dun grao virtual permitiría o acceso a alumnado que, ata o de agora, tiña moitas limitacións para acceder a estes estudos por residir fóra de Galicia”. Deste xeito, a diferencia da opción semipresencial, que a pesares de desenvolver a súa docencia a través da plataforma de teledocencia da Universidade implicaba a realización de probas de avaliación final presenciais, coa nova modalidade será posible cursar o grao “dende calquera país, adaptando o seguimento aos seus horarios”, así como “realizar as diversas probas de avaliación de maneira virtual, facilitando a conciliación familiar e laboral do alumnado”, como salienta Rodríguez.

Ler a noticia completa no DUVI