Especialistas e profesionais inciden na necesidade de profesionalizar a dirección pública

Pór de relevo a importancia de “abrir un debate sobre a necesidade de profesionalizar as estruturas directivas das administracións públicas españolas en todos os seus niveis”. Este é, como salienta o investigador da Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo Enrique Varela, un dos obxectivos de Hacia una Dirección Pública Profesional. Transformando las instituciones desde el liderazgo público profesional, unha publicación que reúne as achegas de 34 expertos académicos, directivos e directivas de diferentes administracións ou responsables de centros de formación para o funcionariado. Coordinada por Varela, o libro publicado pola editorial Wolters Kluwer aborda, desde diferentes perspectivas, na “cada vez máis urxente” necesidade de “consolidar” a dirección pública profesional nas administracións españolas, entendida esta como “un espazo de actuación pública que se move entre as dimensións políticas e administrativas”, como salienta Varela, profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e coordinador académico do Observatorio da Gobernanza G3.

Publicado na serie de especiais dunha “das mellores editoriais españolas sobre estes temas”, este traballo reúne unha “selección dalgunhas das achegas máis relevantes que sobre a dirección pública profesional» realizadas no primeiro Congreso Global online de Dirección Pública Profesional, impulsado pola Asociación de Dirección Pública Profesional (ADPP), e da I Jornada Internacional de Dirección Pública: Pensar en el mañana ya, organizada en novembro polo Instituto Andaluz de Administración Pública. A través de 28 artigos, proponse, como salienta o seu coordinador, unha “ampla reflexión directamente vinculada co presente da lexitimidade das institucións públicas”, xa que esta “ten que ver co valor que a cidadanía outorga ao exercicio dos gobernos e as súas decisións”, papel no que as e os directivos públicos profesionais poden xogar, ao seu xuízo, un papel clave.

Ler a noticia completa no DUVI