O alumnado de Dirección e Xestión Pública achégase ás oportunidades laborais que ofrece a Administración Xeral do Estado

“Traballar no sector público é construír sociedade, contribuír a cambiar a vida das persoas”. Deste xeito definía o secretario xeral de Función Pública do Goberno central, Javier Rueda, o que implica traballar na Administración Xeral do Estado, no seminario virtual que o Ministerio de Política Territorial e Función Pública organizou este luns coa colaboración do Decanato da futura Facultade de Dirección e Xestión Pública. Inserido no plan de Captación de Talento da Dirección General de Función Pública, esta actividade tiña como obxectivo amosar ao alumnado as múltiples posibilidades e ámbitos de traballo nos que é posible desenvolver unha traxectoria profesional na administración a través das experiencias de funcionarios e funcionarias de diferentes corpos.

“Do que se trata é de que o alumnado coñeza as posibilidades da administración pública actual e da que virá”, engadiu Enrique Varela, decano comisario da futura facultade, na apertura dun encontro que contou coas intervencións de Cristina Fernández, xefa da unidade de apoio á Dirección General de Función Pública; Pilar Moreno, da escala de funcionarios da administración local con habilitación de carácter nacional; Daniel Gómez, do corpo superior de inspectores da Axencia Tributaria, e Sergio Prieto, do corpo de inspectores do Soivre, o Servizo Oficial de Inspección, Vixilancia e Regulación das Exportacións.

Ler a noticia completa no DUVI