O Consello de Campus aborda o proceso de implantación da modalidade virtual de Dirección e Xestión Pública

Os traballos que a Universidade de Vigo está a acometer para que o vindeiro curso Dirección e Xestión Pública se converta no primeiro grao da institución académica en contar cunha modalidade virtual foron un dos aspectos abordados este xoves polo Consello de Campus de Pontevedra. Na sesión celebrada na sede da Vicerreitoría, o reitor, Manuel Reigosa, informou tamén de que a institución académica atópase negociando coa Xunta de Galicia co propósito de conseguir que o Grao en Deseño de Creación poida implantarse no curso 2021/2022, despois de que a memoria da titulación recibise o informe desfavorable da administración autonómica.

Respecto do proceso que permitiría que o Dirección e Xestión Pública conte o vindeiro curso cunha modalidade presencia e outra virtual, Reigosa salientou que “hai traballo por facer”, xa que “a docencia virtual é moi diferente á que estamos habituados”. Isto fai preciso, engadiu, que o profesorado da titulación que se imparte na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, e que conta actualmente cunha opción semipresencial, deba realizar unha serie de “cursos especiais”. Nese senso e aínda que admitiu que “andamos xustos de tempo”, o reitor destacou que a implantación desta opción virtual está prevista para o vindeiro curso académico 2020/2021. Trataríase, lembrou, do primeiro grao da Universidade de Vigo en contar cunha opción virtual, algo que “para nós encaixa moi ben dentro da estratexia de captación de alumnado” iberoamericano. “Cremos que temos capacidade para utilizar o castelán e o galgo para atraer estudantado de toda América Latina”, subliñou Reigosa, que lembrou que “hai moitas universidades privadas e algunhas públicas que están apostando por estes graos virtuais”.

Ler a noticia completa no DUVI