Acto graduación GDXP

Dirección e Xestión Pública despide as súas promocións

No caso da Facultade Ciencias Sociais e da Comunicación a ausencia de “espazos adecuados co aforo preciso”, como explica a súa decana, Emma Torres, fan que neste remate de curso só vaia levarse a cabo, o venres 25, a graduación de Dirección e Xestión Pública, na que se despedirá a 14 integrantes da súa décimo segunda promoción, xunto con outros oito egresados que remataron a titulación o pasado curso. Cada un deles, explica Enrique Varela, decano comisario da futura Facultade de Dirección e Xestión Pública, acudirá acompañado por un único convidado a un evento presidido polo reitor, Manuel Reigosa, ao que asistirán tamén o alcade de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o vicerreitor do campus; a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; o delegado da Agencia Tributaria en Pontevedra, Daniel Gómez Aragón, e a presidenta do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, Pilar Otero. “Será un acto académico seguro, sinxelo e emocionante”, sinala Varela, que exercerá como padriño nun acto no que intervirán tamén representantes das dúas promocións e respecto do que salienta que “a covid-19 cambiouno todo menos a ilusión” por levar a cabo un encontro presencial, “seguindo todos os protocolos establecidos”.